Wednesday 08 de May de 2024

Aitor Bouza reivindica a adxudicación das obras da nova depuradora como un “compromiso claro” do goberno do Estado: “podemos confirmar que Pedro Sánchez cumpre con Santiago”


O secretario xeral dos socialistas en Santiago destacou ademais o papel de José Ramón Gómez Besteiro na negociación deste logro: “agora toca apostar pola mesma persoa que conseguiu este gran éxito para Santiago, Besteiro, para que sexa o próximo presidente da Xunta de Galicia”.

Coñecíase este xoves a adxudicación do contrato de execución das obras e a posta en marcha da depuradora da Silvouta que terá un custo de 58,9 millóns de euros e estará en funcionamento en 2026. Un logro que, segundo os socialistas, “confirma que o goberno de Pedro Sánchez cumpre con Santiago e, por iso, un servizo básico como o da auga, vai poder desfrutarse por todos os composteláns e compostelás”.

Así o asegurou o secretario xeral dos socialistas, Aitor Bouza, que reivindicou ademais o papel de José Ramón Gómez Besteiro na negociación deste importante proxecto, estratéxico para Santiago. Bouza insiste en que, agora que vemos “como o goberno de España cumpre con Santiago, tócanos que a Xunta tamén conte e sume a Compostela nas súas preocupacións”.

O secretario xeral anima así á cidadanía de Santiago a “apostar pola mesma persoa que conseguiu este grande éxito para Santiago de Compostela” sinalando a Gómez Besteiro como o “vindeiro presidente da Xunta de Galicia”.